Festival de Jazz 2016
A relación de Pontevedra co jazz é intensa e duradeira. Desde xa hai vinte e catro anos, cada mes de xullo volve o Festival Internacional de Jazz e Blues, que, en certo modo, representa a culminación das actividades jazzísticas que se desenvolven na nosa cidade durante o ano.
A zona monumental de Pontevedra énchese de boa música, con artistas de nivel internacional case sempre inéditos en Galicia, ás veces irrepetibles. E mantendo, como non, os seus sinais de identidade: concertos gratuítos de jazz e de blues, prestando unha especial atención aos músicos galegos.
Para a XXIV edición do festival preparamos un cartel xeométrico que xoga coa idea de labirinto, un labirinto con forma de instrumento e que fai unha alegoría a improvisación, algo tan recorrente nas jam sessions.
Realizamos dous carteis, en negativo e positivo, en dúas tintas negro e ouro que veñen a demostrar a elegancia do sinxelo, como a propia música.